Thursday 02 de May de 2024

Neda e Ecovidrio activan unha campaña para facilitar a reciclaxe á hostalería local


Este sector xera más da metade dos envases de vidro que chegan aos contedores do municipio

O Concello de Neda e Ecovidrio veñen de emprender unha campaña para mellorar a recollida selectiva de vidro na hostalería local. Trátase dun proxecto estratéxico, que busca facilitar a reciclaxe nos negocios deste sector, que xera ao redor da metade do vidro recollido no municipio.

Xa está avanzada a primeira fase do proxecto, que inclúe a visita de educadores ambientais de Ecovidrio aos establecementos (unha vintena) para realizará enquisas e entrevistas para coñecer de primeira man cales son as súas necesidades e poder adecuar os recursos existentes. O obxectivo é ofrecerlles, de forma totalmente gratuíta, aos negocios que o demanden cubos adaptados con rodas, que faciliten o almacenamento e transporte dos residuos seguro ata o contedor.

En paralelo, realizarase unha revisión da contenerización, para avaliar se son precisos máis colectores ou axustar algúns dos modelos existentes ás necesidades do sector (por exemplo, colectores con boca máis ancha e sistema de elevación).

Dende o Concello faise unha chamada á colaboración da hostalería, e incídese en que, ao ser grandes xeradores de vidro dun só uso, o compromiso dos profesionais deste ámbito resulta especialmente importante para lograr unha verdadeira transición a un modelo circular e respectuoso cos recursos e coa contorna.

O pasado ano recolléronse no municipio un total de 84.683 quilos de vidro dos 48 iglús distribuídos pola localidade. Más do 50% procedía da canle HORECA (hoteis, restaurantes e cafeterías).
O vidro que se deposita nos colectores, tal e como apuntan dende a entidade sen fin de lucro que xestiona a recollida selectiva deste tipo de envases en toda España, recíclase ao 100% e utilízase para a fabricación de novos envases, de forma indefinida e sen perder as propiedades orixinais.